sábado, 4 de febreiro de 2017

Miguel de Cervantes & Recital de poesía

O pasado 27 de xaneiro aloxamos entre os nosos muros dúas actividades: a primeira foi a inauguración da exposición "Miguel en Cervantes", cedida pola biblioteca escolar do IES Johan Carballeira, con quenes colaboramos, para conmemorar o IV centenario do falecemento de dito autor, actividade na que houbo unha representación teatral (que conseguiu chegar a bo porto ;) ) dun fragmento d´El ingenioso hidalgo Don Quijote de la Mancha.

A segunda actividade foi un recital poético de escritores cuxa producción fose posterior a 1975 e nel escoitamos as fermosas verbas dos grandes da nosa literatura "actual". Nel participaron poetas como Míriam Ferradáns, Lucía Novas e Luís Chapela e moitos outros veciños como Seso Portela, Ángel Vieites, Mireia Coya, Mariam Garrido, Uxio, Fernando Miranda, Daniel Durán, a nosa pequena Neves... E todo amenizado pola música de Sara Piñeiro, que endulzou a nosa noite coa súa guitarra.
















mércores, 25 de xaneiro de 2017

Aqueles días en que éramos malas


Unha monxa, unha puta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións. Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora.

Que vos parece? Esta é a novela que imos comentar no noso próximo club de lectura: Aqueles días en que éramos malas, de Inma López Silva. O devandito club terá lugar o xoves 23 de febreiro ás 20h na nosa Axencia e contará coa presenza da autora. Que emoción!!!
Se a alguén inda lle queda a máis mínima dúbida de vir deixamosvos aquí un comentario sobre o libro: https://lecturafilia.com/2016/07/18/aqueles-dias-nos-que-eramos-malas/


Todo isto grazas á colaboración da Biblioteca escolar do IES Johan Carballeira, da librería Miranda, da A.VV. A Morada e do Concello de Bueu

xoves, 17 de novembro de 2016

Este páxina que estades a ver foi creada pola Axencia de Lectura de Meiro, sita no Concello de Bueu. Nela ocorre algo moi especial: non hai bibliotecarios, senón un conxunto de persoas que se organizan para xestionar a entidade, ademais de este blog. Nel poderas atopar todas as nosas actividades, os comentarios e as reflexións da rapazada sobre os libros que están a ler, novidades no mundo da lectura, as nosas colaboracións, etc.Atoparedes aquí un mundo fascinante de Cultura.